Hoxe martes ás 20:30h A Coordinadora Galega
pola Paz convoca unha concentración perante os concellos galegos contra a
guerra en Siria. En Lugo, na Praza Maior ás 20:30h
A Coordinadora Galega pola Paz,
plataforma de acción pacífica e non violenta, conformada por
organizacións moi diversas, aberta e plural, de ONGs, movementos
sociais, fundacións, sindicatos e partidos, manifesta a súa máis
enérxica oposición á unha intervención militar norteamericana contra do
pobo sirio, solidarízase coas vítimas, e reclama da cidadanía e das
institucións democráticas, parlamento e concellos, mocións de condena na
liña do aquí manifestado.
A humanidade atópase, unha vez máis,
alarmada pola inminencia dunha nova agresión imperialista, neste caso,
contra do pobo sirio, como tantas outras veces no pasado, protagonizada
polo exército norteamericano, de forma unilateral, e sen sequera o aval
das Nacións Unidas, o que significa unha inequívoca violación do dereito
e a legalidade internacional.
As consecuencias dunha intervención
militar norteamericana en Siria son imprevisibles. As guerras, cando
comezan, pretenden ser sempre xustas, rápidas, puntuais e cirúrxicas, co
menor custe e as baixas mínimas. Sen embargo, a historia amosa, con
claridade, que non sempre acontece así.
A escusa pretendida agora para intervir
militarmente nun estado soberano é a da utilización de armamento químico
polo réxime ditatorial de Bachar el Assad cando informes independentes
veñen denunciando, desde hai varios anos, que as partes en conflito en
Siria contan e usan diferente armamento químico, particularmente, gas
sarín. Sen embargo, o que se silencia reiteradamente nos medios
nacionais e internacionais, é precisamente quen son os fabricantes e
vendedores deste tipo de armamento prohibido polas convencións
internacionais, precisamente, os EE.UU e os outros membros con dereito a
veto no Consello de Seguridade da ONU.
Os informes dos inspectores das Nacións
Unidas, realizados sobre o terreo, confirman a utilización de gas sarín
en Damasco, ó tempo que anuncian que non poden precisar a autoría dos
bombardeos. EE.UU apresurouse a atribuír o uso destas armas letais e
terribles ó réxime de Bachar el Assad nunha comparecencia de prensa do
Secretario de Estado John Kerry que lembrou moito a aquela outra
protagonizada por Collin Powell na ONU para xustificar o ataque a Iraq
en 2003 pola suposta existencia dunhas armas de destrución masiva que
logo comprobamos que non existían. Lembremos que Aznar e o PP votaron
unanimemente a favor daquela intervención ilegal no Congreso, contra da
opinión maioritaria da cidadanía.
As numerosas armas de destrución masiva
que existen, repartidas polo mundo adiante, foron fabricadas e vendidas,
nomeadamente, polos EE.UU, que tamén ten a triste marca da súa
utilización, desde o armamento nuclear en Hiroshima e Nagasaki, ate o
napalm en Vietnam ou o uranio empobrecido en Iraq.
Non podemos ignorar que Siria está
situada nunha rexión fortemente incendiada pola guerra e a violencia
desde hai moitos anos. Basta con fixarse nas fronteiras que mantén Siria
para entender o seu papel estratéxico, particularmente, para o control
territorial e dos recursos enerxéticos da zona, como paso previo de
camiño a Teherán, probable próximo obxectivo militar dos EE.UU, que
mantén e tolera a vulneración sistemática das resolucións das Nacións
Unidas contra de Israel, o seu principal aliado na rexión, xunto coas
monarquías teocráticas do Golfo.
Siria leva máis de dous anos nunha
auténtica guerra civil, con forte presencia estranxeira, en recursos,
financiamento e mercenarios, por ambas partes, que ten producido máis de
100.000 mortos e varios millóns de desprazados e refuxiados. A
poboación civil siria, especialmente nenos, mulleres e anciáns, son as
vítimas inocentes dun brutal enfrontamento alongado deliberadamente para
debilitar e destruír o país, para facelo irrelevante na rexión, para
facilitar os plans de control e a posterior intervención en Irán.
A cidadanía siria levantouse contra do
réxime ditatorial de El Assad, hai algo máis de dous anos, reclamando,
como o resto das Primaveras Árabes, pan, traballo e liberdades
democráticas, co protagonismo da mocidade laica e progresista.
Occidente, coa miopía que o caracteriza, decidiu non apoiar estas
reivindicacións e militarizar o conflito, vendendo armas ós chamados
"rebeldes", cada vez máis controlados por grupos yihadistas.
A intervención militar norteamericana en
Siria pode desencadear consecuencias gravísimas para unha rexión xa de
por si fortemente armada e con confrontacións políticas, relixiosas e
armadas que se prolongan no tempo. O xogo das alianzas, como tantas
outras veces, pode xeralizar a violencia máis alá daquela área
xeográfica, e influír notablemente na paz e na seguridade a nivel
mundial, tamén na nosa economía, tal e como teñen advertido outros
actores principais en Nacións Unidas e na rexión.
A cidadanía global, a sociedade civil
internacional, as persoas de ben en Galicia, en Europa e no mundo non
podemos permanecer impasibles diante dun conflito que ameaza con
estenderse moi perigosamente. Bombardear un país soberano, intervilo
militarmente desde o exterior, pola forza e a violencia, non son as
mellores fórmulas para resolver un conflito. Todo o contrario. É
precisamente a presión económica, política e diplomática sobre as
partes, da comunidade internacional, de forma multilateral, co
protagonismo das Nacións Unidas e da Liga Árabe, as que poden impoñer un
alto o fogo e abrir vías de diálogo e de entendemento, en Siria e no
conxunto da rexión.
A Coordinadora Galega pola Paz,
plataforma de acción pacífica e nonviolenta, conformada por
organizacións moi diversas, aberta e plural, de ONGs, movementos
sociais, fundacións, sindicatos e partidos, manifesta a súa máis
enérxica oposición á unha intervención militar norteamericana contra do
pobo sirio, solidarizase coas vítimas, e reclama da cidadanía e das
institucións democráticas, parlamento e concellos, mocións de condena na
liña do aquí manifestado.
Ademais, a Coordinadora Galega pola Paz, acorda promover as seguintes accións:
1º.- Elaborar e difundir este Manifesto entre a cidadanía galega.
2º.- Dar a coñecelo publicamente o
XOVES, DÍA 5, ÁS 12:00 horas, convocando previamente ós medios, diante
do Consulado norteamericano en Coruña (Juana de Vega, 8).
3º.- Convocar concentracións unitarias
como Coordinadora Galega pola Paz o Martes, día 10, ás 20:30 horas, en
tódalas cidades e vilas posibles, diante dos concellos, agás en Vigo,
que será diante do Consulado francés (Camelias 56) e en Coruña que será
diante do Consulado norteamericano.
4º.- Caso de producirse a agresión
militar norteamericana sobre o pobo sirio, ó día seguinte no caso de ser
pola noite, ás 20:30 horas, de novo, concentracións nos lugares
sinalados no punto anterior.
5º.- Por último, as organizacións da
Coordinadora Galega pola Paz darán difusión e apoiarán a iniciativa da
petición de retirada do Premio Nobel da Paz a Barack Obama que está en
marcha na rede a través de Change
(http://www.change.org/es/peticiones/que-retiren-a-obama-el-premio-nobel-de-la-paz-nopeacenonobel).
Non á guerra!
Non no noso nome!
Sacade as vosas mans de Siria!