martes, 21 de junio de 2011

Acta Asemblea 16-6-2011 Idioma Galego

Asemblea Lugo
Xoves 16/06/2011
Acta

1. Lectura da orde do día

2. Lectura da acta da Asemblea anterior. Aprobada por consenso.

3. Lectura de acordos acadados en Asembleas previas.

4. Intervención das comisións:

4.1 Mediación
- Propón un sistema de funcionamento das Asembleas que consistirá en:
1. Intentarase chegar a un consenso e evitar votacións, achegando posturas e reducindo puntos polémicos das propostas.
2. Naquelas medidas urxentes nas que non se chegar a un consenso, votarase a man alzada.
3. As votacións, para ser válidas, deberán contar coa maioría absoluta dos votantes, incluíndo a abstención.
4. As propostas irán perfectamente traballadas fora da Asemblea por parte das comisións, entre grupos de traballo, etc, antes de presentalas.
5. Durante as Asembleas, a comisión de Mediación haberá de sintetizar e extraer as conclusións dos debates para reformular as propostas.
6. Mediación tamén se encargará de contextualizar o que se estea a tratar cos recén chegados, para o que tamén se pide colaboración aos asistentes das Asembleas.
7. A duración máxima será de tres horas incluíndo 15 minutos de descanso.
Apróbase este funcionamento alén de se acordar experimentar durante esta Asemblea con quendas de réplica e contrarréplica para ordenar as quendas de palabra.

4.2 Información
- Comunícase que se repartirá información sobre o Pacto do Euro.
- Solicítase colaboración para cubrir postos de información durante o Arde Lucus en puntos estratéxicos.

4.3 Comunicación
- Infórmase da existencia dun grupo de traballo con carácter urxente para elaborar carteis e folletos informativos sobre o Pacto do Euro que se poidan difundir durante o Arde Lucus de cara á manifestación do 19/06/2011.
- Infórmase de que se intentará dar unha charla no instituto Lucus Augusti, para o que a vindeira semana terase que chamar ao centro.
- Dáse información para quen estiver interesada/o sobre a posibilidade de denuncia pola limitación do acceso á toma de posesión da corporación municipal vía correo electrónico á comisión.
- Lese un borrador dun comunicado sobre os feitos ocorridos en Barcelona, Madrid e Grecia, que será motivo de debate no momento correspondente.

4.4 Actividades
- Infórmase da celebración da Marcha pola Humanidade o día 15.
- Comunícase que o vindeiro martes farase unha actividade musical na Praza Maior contra as 20:00h.
- Proponse realizar unha actividade de difusión de información sobre o Pacto do Euro durante o mércores 22 e o sábado 25. Decídese realizala o sábado a partires das 20:00h.

4.5 Tesouraría
- O Fondo de Resistencia durante a Asemblea anterior contaba con 144.60€. Durante esa Asemblea recibíronse 70€. Dos 214.60€ totais gastáronse 27.55 en puntas, fotocopias e pinturas, polo que restan 187.05€.

4.6 Acción
- Infórmase da realización dunha acción informativa en bicis durante o martes e mércores previos á Asemblea.
- Proponse acudir ao acto de inauguración da ponte nova sobre o Miño no 24/06/2011 e tamén inauguralo o día anterior de forma simbólica. Na vindeira Asemblea levarase máis traballada esta proposta.
- Así mesmo, infórmase de que o día 22 el ministro de Fomento estará no Círculo das Artes.
- Comunícase tamén que durante as mañás de estes días, representantes do PSOE e BNG locais estarán a negociar os acordos municipais de goberno no hotel Méndez Núñez. Suxírese acudir a un acto de protesta pero non se concreta.

5. Debate

5.1 Posto de información
- Comunícase que a policía esixiu retirar o permiso do posto de información desmantelado, e que por tanto nunca se poderá facer unha estrutura fixa.
- Debátese a posibilidade de montar un posto móbil, que non tería problemas legais. O seu deseño concreto non fica definido.
- Proponse como acción reivindicativa enviarmos solicitudes masivas ao Concello para solicitar o posto de información fixo. Esta acción levarase traballada á Asemblea do luns.
-Incídese na idea de sumar propostas xa que moitas veces estas non son incompatibles nin excluíntes.
- Deféndese que a información física é necesaria, especialmente a nivel local, mas sen nos esquecer de que a difusión a través da Internet permitiríanos chegar a unha comunidade moito máis ampla. En consecuencia, haberá de complementar ambas vías de difusión.

5.2 Comunicado
Tras unha segunda lectura do borrador do comunicado, expóñense as seguintes opinións ao respecto:
- Valórase positivamente a iniciativa de comunicar entre comisións as actividades que cada unha de elas está a realizar en cada momento para as enriquecer.
- Pídese que o comunicado explique os feitos acontecidos no barrio de Tetuán (Madrid) xa que só se citan e non se menciona nada máis ao respecto.
- Critícase que, ao condenar a violencia que puideron ter provocado algúns manifestantes do movemento, se está a condenar algo que non aconteceu, xa que existe a sospeita de que o inicio dos actos obxecto de condena foron iniciados e promovidos por policías infiltrados.
- Pídese prudencia perante a imposibilidade de coñecer a ciencia certa a natureza dos feitos.
- Pídese condenar a violencia veña de onde viñer.
- Pídese diferenciar a quen actúa de maneira violenta influenciado por diferentes motivos de quen incita á violencia.
- Comézase a debater sobre o significado da palabra “violencia” e as súas implicacións. Lémbrase que este non é o tema de debate.
- Así mesmo, incídese na idea de que os actos individuais, debido a moitos factores, representan ao grupo e polo tanto deben ser condenados polo grupo cando estes non se axustan ao acordado pola colectividade.
Finalmente, decídese aparcar o comunicado ata coñecermos máis polo miúdo o acontecido e valorarmos se procede emitilo ou non.

6.-Propostas e suxestións

- A raíz do sucedido nunha das últimas accións (i.e. Garabolos) e polo contido dalgúns comentarios realizados no perfil de Estados del Malestar Lugo proponse debater e se for o caso definir que comportamentos ficarían fóra do acordado por parte desta Asemblea no referente á violencia en todas as súas vertentes.

7.-Recordatorio de convocatorias