martes, 4 de octubre de 2011

Moción a los grupos políticos para la modificación de la ley hipotecaria


          
 El lunes día 03 de Octubre, el Movimiento 15M Lugo, ha presentado en registro del Ayuntamiento de Lugo y a cada grupo político en sus sedes una moción (también sin coma) que inste al Gobierno del Estado a modificar la actual ley hipotecaria con el fin de regularizar la dación en pago y adoptar las medidas necesarias para evitar los deshaucios por motivos económicos. Esta moción tendrá que ser aprobada por el pleno del Ayuntamiento de Lugo en las próximas fechas como ya ha sido aprobada en varias ciudades del españolas. Este es el texto presentado:



Lugo, 03 de Outubro de 2011

Por todo o exposto a continuación e porque segundo os datos do Consello Xeral do Poder Xudicial na provincia de Lugo houbo unhas 540 execucións hipotecarias entre os anos 2008 e o 2010 cun incremento de preto do 50% para o período 2007-2010, o Movemento 15M Lugo insta aos diferentes partidos políticos con representación no Concello de Lugo a aprobaren esta moción no Pleno Municipal e trasladárena ao Goberno Central para demostraren que están dispostos a apoiar ás familias afectadas polas execucións hipotecarias e os desafiuzamentos.


MOCIÓN INSTANDO AO GOBERNO DO ESTADO A MODIFICAR A LEI
HIPOTECARIA CO FIN DE REGULAR A DACIÓN EN PAGO E
ADOPTAR AS MEDIDAS NECESARIAS PARA EVITAR OS DESAFIUZAMENTOS POR MOTIVOS ECONÓMICOS

Visto que co estalido da crise e o aumento do paro, centenares de miles de familias teñen chegado a unha situación límite que non lles permite cubrir as súas necesidades máis básicas.

Visto que segundo os dados do Consello Xeral do Poder Xudicial, só entre 2007 e 2010 se terán producido preto de 300.000 execucións hipotecarias no Estado Español e que as previsións din que entre 2011 e 2012 poderíase chegar á cifra de 500.000.

Visto que cando isto sucede, as familias non só se enfrontan á perda da súa vivenda senón tamén a unha condena financeira de por vida: a entidade bancaria interpón unha demanda e inicia o proceso de execución hipotecaria que finaliza coa subhasta do inmoble. Coa lei vixente, se a subhasta fica deserta (cousa que no actual contexto de crise acontece en máis do 90% dos casos) a entidade bancaria adxudícase a vivenda polo 50% do valor de taxación e ademais seguiría a reclamar o pago da débeda restante, máis os intereses e costas xudiciais, ás persoas en situación de insolvencia, mediante o embargo de nóminas, contas e outros, así como embargos aos avalistas. É dicir, alén de perder a vivenda, miles de familias enfróntanse a unha condena financeira de por vida que se traduce nunha condena á exclusión social e a economía informal.

Visto que esta lexislación que permite ás entidades financeiras adxudicárense as vivendas polo 50% do valor de taxación non só é anómala e non ten comparativa coas lexislacións doutros países do noso entorno, senón que ademais era descoñecida polas familias cando asinaron os contratos hipotecarios. Feito que se suma á publicidade enganosa coa que se comercializaron a meirande parte desas hipotecas, á sobrevaloración nas taxacións e á linguaxe de difícil comprensión empregada nos contratos que agora se descubre agochaban todo tipo de cláusulas abusivas, como é o caso das cláusulas solo.

Visto que consideramos inadmisíbel e totalmente inxusto que nun estado social e democrático de dereito, todas as consecuencias da crise recaian sobre a parte máis vulnerábel do contrato hipotecario e por contra as entidades financeiras, en boa medida responsábeis da actual crise, reciban axudas millonarias que saen dos impostos, sen ter que asumir ningunha responsabilidade, ao mesmo tempo que seguen a xerar miles de millóns de beneficios anuais.

Considerando que todo o aquí exposto vulnera o actual marco xurídico, posto que o dereito á vivenda é un mandato constitucional, especialmente recollido no  artigo 47 da Constitución Española, que di: “Todos os españois teñen dereito a unha vivenda digna e adecuada. Os poderes públicos promoverán as condicións necesarias e establecerán as normas pertinentes para faceren efectivo este dereito...”. Mais tamén no artigo 33, que limita claramente o dereito á propiedade privada ao cumprimento da súa función social (e que a día de hoxe incúmprese sistematicamente nos predios baleiros acumulados por bancos e caixas), ou no artigo 24 que garante a tutela xudicial (vulnerado nos  procesos de execucións hipotecarias onde se produce clara indefensión), así como os compromisos xurídicos en materia de dereito á vivenda asumidos polo Estado Español ao ratificar tratados internacionais vinculantes como son, entre outros, a Declaración Universal de Dereitos Humanos (artigo 25) e o Pacto Internacional de Dereitos Económicos, sociais e Culturais (artigo 11), especialmente a partir da súa Observación Xeral número 4 –que concreta o contido do dereito a unha vivenda adecuada- e a Observación Xeral nº 7 -que define os desaloxos forzosos como unha das principais vulneracións do dereito á vivenda.

Considerando que todo o aquí exposto depende basicamente dunha normativa de competencia estatal cuxos efectos dramáticos concrétanse no ámbito municipal, xa que é aos concellos a onde se dirixen maioritariamente as persoas e familias afectadas en busca de axuda. Así, os concellos se converten en dobremente prexudicados: primeiro pola vulneración dos dereitos fundamentais dos seus cidadáns; e segundo porque en pleno contexto de crise, cando os recursos son máis escasos que nunca, reciben todas as peticións de axuda das persoas e familias empobrecidas.

Considerando que a perda de vivenda priva ao individuo ou a familia de toda
residencia e que, a súa vez, a ausencia de residencia exclúe de toda vía administrativa, producindo a perda de dereitos e impedindo ás persoas afectadas realizárense tanto profesional como familiarmente.

Considerando que, como consecuencia do anterior, os desafiuzamentos –aínda máis cando supoñen o mantemento dunha débeda en forma de condena
financeira- implican altos niveis de inseguridade e desencadean a alteración da orde pública e a paz social e considerando que os concellos teñen o encargo de manter a seguridade e a orde no conxunto do territorio municipal.

O Pleno Municipal de Lugo adopta os seguintes acordos:

Primeiro.- Pedir ao Goberno central que, tal e como ven propoñendo a Plataforma de Afectados pola Hipoteca e outras organizacións sociais, aprobe unha modificación da regulación hipotecaria que inclúa a figura da dación en pago, de xeito que, nos casos de residencia habitual, se o banco executar a hipoteca e ficar coa vivenda, a totalidade da débeda (principal, máis intereses e costas xudiciais) sexa liquidada, tal e como acontece noutros países da UE ou en EEUU.

Segundo.- Instar ao Goberno a aprobar unha moratoria ou aplicar as medidas necesarias para paralizar os desafiuzamentos das familias en situación de insolvencia sobrevida e involuntaria. Para os millares de desafiuzamentos xa producidos, que se aproben con carácter de urxencia medidas destinadas a que os miles de predios baleiros que están a acumular as entidades financeiras
como consecuencia deses embargos sexan postos inmediatamente a disposición das familias desafiuzadas e sen recursos en réxime de alugueiro social, non superando nunca o 30% da renda familiar dispoñíbel.

Terceiro.- Alén das medidas de competencia estatal, estudar as medidas a emprender a nivel municipal para paralizar os desafiuzamentos, creando unha comisión especial mixta na que participaren representantes do pleno municipal e das asociacións de afectados, veciñais e outras organizacións sociais coñecedoras da problemática. O obxectivo principal de dita comisión será procurar alternativas para evitar os desafiuzamentos por motivos económicos. No caso que non sexa posíbel, garantir o realoxo digno das familias afectadas.

Cuarto.- Dar traslado de estes acordos ao Consello de Ministros, e en especial ao Ministerio de Economía e ao Ministerio de Xustiza, así como aos grupos parlamentarios do Congreso e o Senado, ao Parlamento Autonómico, á Plataforma de Afectados pola Hipoteca e ás asociacións veciñais do municipio.