viernes, 25 de noviembre de 2011

En defensa de Preescolar na Casa

Preescolar na casa é un programa educativo que surxiu hai xa máis de trinta anos. Naceu para dar formación preescolar (anterior aos catro anos) a nenos do rural galego.
Os beneficios do programa van máis aló da escolarización temperá de rapaces que, doutro xeito, non poderían acceder á mesma nesa etapa de desenvolvemento. Preecolar na Casa integra, ademais, aos pais e nais no proceso formativo, estimulando así as súas habilidades educativas e implicándoos activamente no proceso de ensino e aprendizaxe dos seus fillos.
Dende o 15-M Lugo denunciamos a supresión das subvencións ao programa Preescolar na Casa. Cremos que un proxecto deste tipo debe ser conservado e potenciado pola administración pública por moitas razóns:
-Porque a educación é un investimento de futuro e un programa coma est...e asegura, non só a calidade do ensino, senón tamén o acceso igualitario ao mesmo nas etapas temperás de formación.
-Porque unha educación que implica a pais e nais, nenos e profesores representa un modelo a seguir pola súa natureza integradora e a súa visión máis ampla do proceso formativo.
-Porque nun sistema educativo ríxido representa unha alternativa versátil que dá resposta a necesidades específicas.
-Porque debido ás súas caracterítisticas a UE recomendou a implementación de programas deste tipo noutros países. Non podemos tolerar que, mentres o éxito destas iniciativas se plasma na súa exportación a outras comunidades autónomas e a outros países da UE, en Galicia se deixe morrer lentamente este programa xustificando coa crise económica a falta de implicación da administración galega na defensa do ensino.
Esiximos á Xunta de Galicia que priorice os investimentos en ensino e sanidade, que garanten o futuro e son a verdadeira base do estado de benestar.

Manifestación en Lugo, Sábado 26 ás 12:00h na Praza de Ferrol.

Recollida de firmas para a continuidade de Preescolar na Casa:
http://www.peticionpublica.es/PeticaoVer.aspx?pi=PnC2011