sábado, 19 de mayo de 2012




Este luns 21 entregaremos na Xunta de Galicia os milleiros de sinaturas recollidas contra as fumigacións

Representantes da Plataforma contra as fumigacións – Por un futuro sen pesticidas farán entrega (no Rexistro da Xunta de Galicia) este vindeiro luns día 21 de maio das sinaturas recollidas ate o de agora na campaña online contra as fumigacións que pretende autorizar a Xunta de Galicia e que promove a asociación de produtores de papel ASPAPEL. A campaña foi posta en marcha o 16 de abril por unha das persoas que días despois promovería a constitución da Plataforma, integrada na actualidade por unhas 40 entidades de toda Galiza e mesmo do exterior, e apoiada tamén por diversas organizacións políticas galegas.
O contador das sinaturas visible en Change.org neste momento (sábado 19 ás 10:30 da mañá) supera as 85.000, despois de diversos bailes de cifras producidos por problemas técnicos que tiveron lugar pola integración a plataforma Actuable, na que inicialmente fóra creada. Estes problemas levaron a que se marcara en determinado momento unha cifra superior ás 150.000, que non se correspondía coa cifra de apoios recollida realmente.
Porén, a Plataforma considera a cifra de apoios real indicada actualmente máis que de abondo para facérllela chegar xa ás autoridades galegas, responsables de autorizar ou non, a masiva fumigación aérea que prepara ASPAPEL en boa parte do país (entidade que presume falsamente de producir de maneira sustentable) e que de feito xa comezaron a realizar nalgúns puntos por outros medios máis agachados da vista da poboación. Existen outros medios de combater o problema que afecta aos monocultivos do eucalipto, malia as mentiras de ENCE (entidade galega que preside actualmente ASPAPEL), e por iso non imos tolerar que se bote un pesticida xa catalogado como tóxico pola Unión Europea, contaminando as nosas augas, montes, fauna e flora, e condeando á morte ás vitais abellas, elemento crítico dos nosos ecosistemas e da nosa agricultura.
A Xunta de Galicia ten que asumir o clamor popular que se está erguendo contra estas inxustificables fumigacións. Ten que desautorizalas de inmediato e apostar por outros medios non tóxicos para o combate das pragas, para así cumprir a lei e o seu deber de protección do medio e da saúde de todas as galegas e os galegos.
Axúdanos a espallar esta noticia para conseguir que aínda máis persoas apoien esta petición e lanzar unha mensaxe aínda máis contundente aos nosos gobernantes! Envíaa por email, difúndea en Facebook, Twitter e noutras redes sociais (tes botóns baixo o cabezallo). Grazas por unirte ás case 100.000 voces contra as fumigacións e por un presente e un futuro libres de pesticidas na nosa terra!





  Máis información en www.fumigacionsnon.org