jueves, 21 de junio de 2012

Venres reivindicativos IES Nosa Señora dos Ollos Grandes

O último dos venres reivindicativos pola escola pública vaise celebrar mañá día 22 a partir das 11.15 da mañá diante do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes (Femenino). Acudide a defender a educación para todos, gratuíta, laica e de calidade, como instrumento vertebrador da sociedade e non coma un negocio que segrega as opcións de futuro segundo a renda económica. A educación non se vende, deféndese.

“MANIFESTO PARA O NOSO VENRES REIVINDICATIVO

Saímos á rúa, á NOSA rúa, para protestar, para deixar patente o noso malestar, para facer oír a nosa voz e cantar o noso descontento.
Ó mellor nos chaman “antisistema”; pois Sí, somos antisistema:
-“anti” o sistema que dá máis oportunidades a uns que a outros
-“anti” o sistema que destrúe os dereitos dos traballadores conseguidos despois de moito esforzo e sufrimento
-“anti” o sistema que prefire salvar ós bancos (ós donos dos bancos) antes que ós cidadáns
-“anti” o sistema para o que a sanidade e a educación xa non son o prioritario
-“anti”, “anti”, “anti”…

Isto é un acto de reivindicación dunha educación pública de calidade, porque recortar en educación é sacrificar o futuro da sociedade.”

O noso acto de protesta naceu a raíz da homenaxe ó cantautor portugués Zeca Afonso. Aquela tarde foi moi especial e inspirou unha idea que dende hai unhas semanas vimos realizando tódolos venres: un acto público na rúa co que queremos evitar que se esqueza que debemos seguir pelexando polo que de verdade importa. Este acto consiste na lectura do noso manifesto primeiro, despois a lectura dun texto relacionado coa xustiza social, política, económica… e rematamos cunha canción protesta interpretada por tódolos asistentes ó acto. É un acto sinxelo pero cheo de significados e moi emotivo.
Son profesora dun centro educativo público, amo a miña profesión e ó igual que os meus compañeiros e compañeiras sei que o ensino público é algo polo que loitar. Por iso naceu o noso Venres Reivindicativo, coa idea de seguir insistindo en defender este pensamento. Moita máis xente pensa e sinte de verdade que se algo é imprescindible para que o mundo siga mellorando iso é a EDUCACIÓN, a educación en liberdade e igualdade de oportunidades. 

Belén Gato Gómez, profesora do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes.