jueves, 16 de junio de 2011

Acta Asemblea 12-6-2011 Idioma Galego

Asemblea Lugo
Domingo 12-6-2011
Acta

1.-Lectura e aprobación da acta do dia anterior.
2.- Lectura de acordos acadados noutras Asembleas
3.- Comisións:
3.1.- Loxística:
A comisión de Loxística informa que para mantermos a orde e a limpeza no palco da música, a confección dos disfraces de escravo terase que realizar fóra do mesmo.
3.2.- RRHH:
Proponse situar a mesa de información en puntos de tránsito e non contra o palco para así aumentar a súa visibilidade.
3.3.- Acción:
Esta comisión propón unha acción para o martes (20-21:30) e o mércores (19:00-20:30) consistente en completar diferentes itinerarios en bicicleta co obxectivo de realizar labores de difusión da Asemblea. Levarán unha mensaxe gravada nun megáfono e realizarán paradas duns 30 minutos en prazas e outros puntos de interese.
Por outra banda, comentase a necesidade de reunir toda a documentación relacionada coas accións e actividades do movemento (banca, democracia, marcha escrava, etc.)
3.4.- Actividades:
Lémbrase a realización dos obradoiros ás 18:00h
Lémbrase a convocatoria da marcha pola humanidade o mércores 15/06/2011 (21:00h) coincidente co levantamento da acampada e a marcha escrava do 19/06/2011 (19:00h).
Proponse a realización de actividade informativa sobre o Pacto do Euro cuxa sinatura terá lugar o 26/06/2011. Data proposta, o mércores despois da marcha. Aprobada.
Proponse levar a cabo a actividade consistente en pintar un lenzo o vindeiro xoves ás 17:00h.
3.5.-Mediación:
Proponse inicialmente un tema de debate para tratar ao longo da seguinte semana, o cal versaría sobre a Lei Electoral, orzamentos participativos e política municipal no Concello de Lugo. Porén, debido a imposibilidade de realizar suficientes actividades sobre o tema de debate proposto con anterioridade (i.e. O Pacto do Euro) debido a celebración do Arde Lucus decídese por consenso pospoñer unha semana máis o anterior tema de debate. En consecuencia, dito debate sobre o Pacto do Euro produciríase o domingo 26/06/2011. Coméntase a importancia de estabelecer grupos de traballo para facilitar o desenvolvemento dos debates ideolóxicos.
Vólvese informar sobre a iniciativa xurdida en Ourense de comezar unha recollida de sinaturas para instar ao Valedor do Pobo a esixir cambios na lexislación referente ás ILPs. Apróbase colaborar en dita iniciativa aínda que a expensas de cal for a formulación final da petición. Así mesmo, sinálase que existen outras vías para iniciar trámites administrativos para dar cabida ás reclamacións cidadás e recoméndase un traballo conxunto con outras Asembleas para coordinarmos este tipo de accións.
Lémbrase que o vindeiro luns ás 21:00 terá lugar unha reunión de comisións, como habitualmente ocorre.
3.6.- Comunicación:
Infórmase da existencia dun Wikispace (http://asamblealugo.wikispaces.com/) que pode funcionar como área virtual para o traballo de información e debate de ideas. Lémbrase que calquera pode solicitar os permisos para editar a información dentro da área de traballo e que a dia de hoxe están activos varios temas entre os que figuran o Pacto do Euro ou a elaboración de folletos. Anúnciase que tamén se poderá incluír un epígrafe sobre o tema do Valedor do Pobo comentado pola Comisión de Mediación.
Despois da consulta aos asesores legais, infórmase da posibilidade de presentar unha denuncia a título individual por parte daquelas persoas a quen lles foi impedida a asistencia á toma de posesión da nova corporación municipal no Concello de Lugo.
3.7.- Información:
Infórmase das labores de difusión levadas a cabo nas festas de Albeiros e no “Corre con Nós” e destácase o grande número de sinaturas (95) conseguido.
Proponse a realización de carteis e confección de elementos decorativos para poñer no punto de información durante o Arde Lucus.
Realízase unha lectura de lemas para a pancarta da Marcha Escrava do 19 tomando aquelas realizadas con anterioridade por diferentes persoas a través de internet. Despois de someter a votación por parte da Asemblea a relación de lemas, o elixido finalmente foi: “Xa non son tempos de escravitude”.
3.8.- Tesouraría (Fondo de Resistencia):
Debido a ausencia do encargado semanal do Fondo de Resistencia non se produce a información sobre o estado das contas.
Decídese por consenso que a persoa encargada do Fondo continúe no exercicio das súas funcións unha semana máis.
4.- Debate:
Discútese a proposta de revisión do acordo acadado na Asemblea do 05/06/2011 referente ao levantamento da acampada e polo cal se acordara desmontar o campamento o dia 15/06/2011. Segundo a propoñente non se pretende revisar dito acordo senón dar unha alternativa de deseño ao Punto de Información que por Asemblea se decidira colocar na Praza Maior para dar continuidade a nosa presenza en dito lugar tralo desmantelamento do campamento. A proposta fala de construír un Punto de Información que reúna condicións estruturais suficientes para permitir o descanso nocturno dun pequeno número de persoas, a lo menos durante 10 días a maiores do 15/06/2011. Perante a imposibilidade de acadar un consenso a curto prazo e movidos pola proximidade do levantamento da acampada proponse, tras un intenso debate, levar a proposta a votación. O resultado da mesma foi o seguinte: 13 votos a favor da proposta, 14 votos en contra e 12 abstencións. Acto seguido, alegouse un posíbel erro no reconto dun voto, feito comentado unha vez que xa se coñecían os resultados finais. Malia que a Asemblea non contaba cun protocolo explícito de cómo proceder nestes casos, declinouse repetir a votación por considerarse inútil debido á alta fragmentación do voto, o que deslexitimaba calquera decisión ao respecto. Finalmente, acordouse comezarmos co deseño do Punto de Información para o Arde Lucus sen definir as características estruturais do mesmo no referente ao tema do descanso nocturno e pospoñendo tal debate para a Asemblea do xoves 16/06/2011.
5.- Suxestións e preguntas:
Non se produciu ningunha.
6.-Recordatorio de Convocatorias:
Lémbrase de que a Asemblea do domingo 19/06/2011 trasládase para o luns 20/06/2011 para evitarmos a coincidencia coa Marcha Escrava e o Arde Lucus.