sábado, 28 de abril de 2012

Toma o 1 de Maio


Unha vez máis chega o 1 de Maio...

Podémonos parar a pensar de que cor imos, de parte de quen estamos, que siglas representamos, que carteliño nos poñemos...
Pero por que non pensar en saír á rúa, para facer oir a nosa voz... como diplomado que non encontra traballo, como pensionista que terá que pagar 8 euros ao mes polos seus medicamentos, como pai que loita por unha educación de calidade para os seus fillos, como contribuínte que quere unhas condicións xustas para todos, como emigrante que se quedará sen tarxeta sanitaria, como estudante ao que lle soben as taxas, como traballador...Como persoa que pensa que ASÍ NON... escolle o teu motivo ou motivos e sae da casa.

Xuntémonos e non deixemos pasar esta oportunidade para que se escoite a voz da clase traballadora, para que se escoite a TÚA VOZ! 

Reivindicamos o 1 de Maio como o día de todos os que loitamos por un traballo xusto, non queremos que sexa un día festivo sistemático máis, carente de significado e tomado polos sindicatos. É o día de toda a clase obreira sen distinción, e neste contexto temos que unirnos sen dar un paso atrás ante a reforma laboral e tódolos ataques que estamos a padecer por parte de quen di representarnos.

En Lugo están convocadas manifestacións polas organizacións sindicais CCOO e UGT ás 12:00 h e CIG ás 12:30 h, ambas diante do edificio sindical.

Dende o Movemento 15M Lugo pensamos que sobran os motivos e que á marxe dos convocantes, a nosa presencia como traballadores con conciencia de clase é precisa.

Se estás de acordo, vémonos na rúa con Conciencia Crítica!!!