domingo, 13 de mayo de 2012

Manifesto contra o desaloxo das distintas prazas do Estado Español o 12M

As masivas manifestacións de onte demostraron unha vez máis o noso malestar coas políticas imperantes no sistema actual. Denunciamos os abusos dun sistema financieiro perverso que pon os intereses privados por riba das persoas, denunciamos a complicidade dos gobernos que non sirven ao pobo traballador senón ás élites capitalistas e denunciamos a democracia sometida á vontade dunha minoría poderosa que ostenta o verdadeiro mandato do mundo.
Tralos desaloxos que sufriron onte numerosas cidades no desenvolvemento das protestas, queremos denunciar tamén a actuación da policía e as detencións, que son xa unha constante represiva, así coma as ordes que reciben da clase política que pretende limitar os dereitos de reunión e manifestación da cidadanía.
Quítannos a sanidade pública, a educación, quítannos a liberdade económica, rescatan aos bancos e a nós quítannos a vivenda. Pero con cada ataque que recibimos, tamén nos quitan o medo. A voz do pobo nunca é ilegal. Non serven as limitacións contra a liberdade de expresión.
Esiximos a liberación inmediata dos presos e a depuración de responsabilidades na policía e na súa cadea de mando.
Respostaremos a cada desaloxo cunha nova ocupación. Porque poderán desaloxar as prazas, pero nunca as nosas voces. Seguimos na rúa, seguimos en pe, seguiremos loitando hoxe e sempre.