domingo, 13 de mayo de 2012

Manifesto 12M


Este 12 de maio unímonos unha vez máis coa única voz da cidadanía, da clase traballadora unida en loita polos seus dereitos. Imos reivindicar de novo que non somos mercadorías en mans de políticos e banqueiros, e que polo tanto temos o poder de cambiar as cousas. Queremos reclamar xustiza social nun mundo no que as minorías poderosas son as beneficiadas das accións dos supostos representantes do pobo, mentres que as grandes maiorías perden dereitos cada día e sofren os abusos duns poucos.
Rexeitamos as actuais políticas económicas neoliberais e as súas consecuencias sobre as vidas da cidadanía e sobre o medio ambiente. Rexeitamos unha democracia roubada na que depositamos os nosos votos coma cheques en branco cada catro anos. Reivindicamos a democracia participativa e directa, os servizos públicos, o traballo digno e a vivenda, e a fin da chantaxe do sistema financieiro aos Estados.
Conmemoramos un ano das primeiras mobilizacións masivas do Movemento 15M, pero recordamos todas as loitas constantes que en tódolos frentes diferentes colectivos están a realizar. Cremos que a conciencia crítica da cidadanía está a espertar, e cando o faga, o noso poder será imparable, porque nós movemos o mundo.
A nosa loita ten hoxe un día clave, pero debe continuar sen descanso, buscando a unidade entre colectivos por un mesmo fin e tratando de demostrar a cada momento que non somos nin escravos nin sumisos a vontade das clases dirixentes, senon que somos conscientes e capaces de impulsar un cambio de rumbo nun sistema obsoleto.
Agradecemos a vosa presenza e agardamos que continuedes non só no día de hoxe coas reivindicacións necesarias para facer ouvir as nosas voces.