sábado, 11 de junio de 2011

Comunicado

A Asemblea de Lugo, reunida o día 10 de xuño, aprobou por consenso o seguinte comunicado:

"O colectivo de persoas indignadas de Lugo quere manifestar o seu apoio e solidariedade cas persoas detidas e feridas como consecuencia da actuación policial nos feitos acontecidos na mañá de hoxe ás portas do Parlamento de Valencia e do Parlamento Galego. Sumámonos tamén aos apoios ás persoas detidas dende o comezo das movilizacións o 15 de maio.

Reivindicamos o dereito de xuntanza, de manifestación e a liberdade de expresión, á vez que rexeitamos radicalmente todo xeito de violencia. Por tanto pedimos xustiza e que as persoas responsables das accións policiais violentas cumplan coas súas responsabilidades.

Condeamos tamén a manipulación mediática dos feitos e apelamos á ética xornalística por riba dos intereses dos grandes grupos que controlan a comunicación. Procurando facer válida a máxima que di que unha mentira repetida mil veces remata por ser unha verdade, fannos pasar novamente por enemigos dun sistema que eles mesmos comprometen ao amparar a corrupción e a desigualdade social.

Por último, chamamos á movilización na nosa cidade para que non se nos quite a nosa voz. Hai razóns para a indignación. Agora imos amosar que nós si podemos mover o mundo e a muda está en marcha."

Dende a Comisión de Comunicación, informamos de que as accións violentas contra manifestantes pacíficos repetíronse hoxe en Salamanca. Pedímosvos que vos informedes vos mesmos a través dos blogs do movemento en cada cidade. Tamén vos informamos de que onte e hoxe protestamos por estas actuacións diante da Policía Nacional e da Subdelegación do Goberno. Animámosvos a amosar de forma pacífica a nosa indignación durante a toma de posesión da corporación municipal mañá ás 12 no Concello de Lugo.