domingo, 3 de julio de 2011

Acta Asemblea 26-6-2011 Idioma Galego

Asemblea Lugo
26-6-2011
Acta


1.-Lectura da acta do día anterior. Aprobada por consenso.
2.-Intervención das comisións:


2.1.-Mediación
-Proponse o traballo semanal enfocado ao tema de política municipal con suficiente antelación para traballarmos os temas devagar. Proponse o plano seguinte:
  • Venres: charla introdutoria e reparto de información.
  • Sábado: escenificación do funcionamento do Concello. Charla dos integrantes da asociación pola defensa do Parque Rosalía para ilustrar co seu exemplo algunhas cuestións de política municipal.
  • Entrevista a nivel persoal á que asistirán membros de varias comisiones para recibirmos información obxectiva cun representante do BNG local. Proponse tamén informarse a través de representantes do PP e máis do PSOE das características concretas no tema dos salarios.

-Proponse que o xoves se dediquen 20 minutos ao comezo da Asemblea para realizarmos unha actividade dinamizadora (Co-escoita).
-Suxírese que os debates ideolóxicos do domingo, ao ser prioritarios, sexan realizados antes das intervencións das comisións. Ademais, fálase de que estes debates deben contar cun marco previo para ser produtivos e así permitan chegarmos a puntos concretos de consenso.
-Ademais proponse engadir unha lectura cunha duración máxima de 5 minutos ao comezo ou ao final das Asembleas para estas non ser tan prosaicas.
Todas as propostas desta comisión son aprobadas por consenso.
-De xeito adicional, coméntase a necesidade de realizar unha reestruturación de actividades, Asembleas no referente aos seus horarios, duración, etc. Isto é debido a que vai comezar a temporada estival. Acordase traballar en alternativas que serán presentadas en vindeiras Asembleas.

2.2.-Información
Infórmase de que os compañeiros que realizan a Marcha Indignada a Madrid desde A Coruña chegarán a Lugo o vindeiro martes contra as 19.00 e acórdase recibilos a esa hora.
Tamén se comunica que o mércores vanse reunir en Sarria os compañeiros de Lugo e de Santiago de Compostela na Praza da Vila contra as 18.00h. Suxírese levarmos materias útiles para a súa marcha e conseguir diñeiro, mediante botes ou organizando unha festa con algúns bares. Estes puntos non fican definidos.

2.3.-Acción
-Valóranse as accións levadas a cabo durante a semana:
Protesta na toma de posesión da Deputación: Lémbrase a necesidade de levar a todos os actos as nosas pancartas e carteis. Así mesmo, incídese na necesidade de realizarmos menos accións pero de máis calidade e con máis xente para non restarmos crédito ao movemento.
Protesta silenciosa nun acto de José Blanco no Círculo das Artes: Critícase a mala organización do acto e a falta dun obxectivo concreto, feito que levounos á perda do criterio de actuación.
Inauguración popular da nova ponte sobre o Miño: Considerouse un éxito por participación, repercusión e orixinalidade. Lémbrase que se pode ser puntual, mais dando certa marxe.
Inauguración oficial da nova ponte sobre o Miño: Infórmase de que no nos permitiron avanzar pola ponte cando aínda non se levara a cabo ningún tipo de protesta, simplemente porque sospeitaban que podiamos alterar o acto.
Charla informativa sobre o Pacto do Euro: Malia á pouca xente que asistiu, considérase que é unha boa actividade e que deberíamos proxectar material audiovisual con maior frecuencia. Critícase a falta de organización previa para conseguirmos os recursos necesarios para realizarmos a actividade.

-Perante estas valoracións, chegamos aos seguintes acordos:
  • Levar sempre pancartas, carteis e material informativo para repartir, coller sinaturas, etc. A C. de Loxística vai elaborar un kit e ocuparase de levalo a cada acción.
  • Acórdase elaborarmos un inventario de material e a súa localización para podermos acceder a el no menor tempo posíbel.
  • Proponse a creación de pancartas con materiais reciclados ou con aqueles dos que xa dispoñemos. A C. de Loxística encargarase de teren localizado o material e permitir que o acceso ao mesmo sexa eficaz.
Como autocrítica exponse que somos pouco eficientes e non damos información. Así mesmo, incídese que teremos que optimizar os nosos recursos e as nosas forzas no futuro.

2.4.- Actividades
Proponse pensar en actividades de todo tipo para termos ideas para realizar.
Suxírese que a C. de Recursos Humanos se ocupe de proporcionar voluntarios para os postos de información.

2.5.-Loxística
Proponse crear un fondo distinto ao de resistencia para financiar a Marcha a Madrid. Non se concreta.
Lémbrase que quen quixer pode ir a Sarria o mércores contra as 18.00h para a Asemblea conxunta cos compañeiros de Santiago de Compostela e Coruña. Ofrécense varios coches para levaren xente.

2.6.-Tesouraría
Rexístrase un gasto de 30€ para pagar a viaxe dos compañeiros que foron ao II Foro Galego de Acampadas. Saldo: 124.15€

*Discútese se realizamos ou non a protesta durante o pleno de organización do Concello o luns 27. Acórdase non realizala porque non temos suficiente información sobre o acto e porque non debemos desacreditar o movemento con accións pouco secundadas. Porén, algunhas persoas acudirán ao pleno para colleren nota de todo o que alí ocorra.

3.-Información sobre o II Foro Galego de Acampadas:
Exponse información sobre o que se concluíu no II Foro Galego de Acampadas de Santiago de Compostela:
-Estruturación de vindeiras xornadas: Decidirase ao final de cada foro.
- Comunicación interna e externa: Traballarase na wiki creada no I Foro a curto prazo e se rógase a participación nela. Tamén se pide implicación na rede N-1 para usala como plataforma común o antes posíbel.
- Accións conxuntas:
Accións conxuntas os mesmos días e horas en distintas localidades.
Accións iguais realizadas en días diferentes.
Accións conxuntas que se realicen de modo extraordinario nun lugar ao que concorra xente de varias localidades.
Suxírese a elaboración dunha modelo que recolla os dados básicos de cada acción. Concretarase máis este tema no futuro.
-Falouse da Marcha Popular Indignada. Infórmase de que cada marcha leva unha persoa de contacto e que todos os días ás 18.00h farase unha conexión vía Skype.
-Debateuse sobre o estado do movemento tralo 19 de Xuño.
-Propúxose un grupo multidisciplinar que elabore un Plan B de cada acción para evitarmos non saber responder a situacións imprevistas.
-Decídese realizar o vindeiro foro en Lugo o día 6 de Agosto, coordinándoo a Asemblea de Lugo coas outras localidades da provincia. Incídese no traballo necesario de comunicación, de elaboración dunha orde do día e de loxística para termos preparado o necesario para ese día.

4.-Temas de debate:
Perante a falta de tempo decídese pospor o debate sobre o Pacto do Euro ata 2 semanas despois onde se trataría conxuntamente co que restase do debate sobre Política Municipal.
Así mesmo, acórdase realizar o xoves un debate sobre a posición do movemento fronte aos actos de violencia que se poidan producir nas accións do mesmo, atendendo a delimitar que comportamentos serían rexeitábeis para o colectivo.

5.-Propostas e Suxestións:
6.-Fin da Asemblea